domingo, 27 de julio de 2014

Proxecto Novo Balaidos






Introducción :

A proposta é unha idea xurdida por un grupo de arquitectos galegos. Pretendemos crear un proxecto colectivo onde todos os vigueses e celtistas poidamos debatir e ser partícipes de algo tan significativo como é o futuro templo do celtismo. Neste blog queremos crear un espazo aberto onde xuntos atopemos as mellores ideas e solucións para levar a realidade un novo estadio.

Somos conscientes de que presentamos un proxecto ambicioso, pero o mesmo tempo viable. Plantexamos un estadio novo e moderno por menos de 40 millóns de euros, que esté a altura dunha cidade como Vigo. Balaidos é un estadio moi vello e deteriorado, por iso cremos que a mellor solución é unha reforma integral por fases. Un Balaídos completamente novo atraería mais socios, aportaría diñeiro a cidade e podería convertirse no hito arquitectonico que Vigo precisa.

Sostenibilidade, captacion de enerxía, estructura lixeira, economía, recuperacion do Lagares, materiais locais que incentiven a industria viguesa, parking etc. foron factores moi importantes a hora de facer este proxecto e que explicaremos a continuación.

Realizando unha inversión compartida entre Celta, entidades públicas, áreas comerciais e Zona Franca, un estadio novo pode ser económicamente viable. Empregando materiais adecuados e ben deseñado, un estadio moderno e elegante non ten que ser moi caroRecentemente temos exemplos de estadios novos na Liga española como Cornellà-El Prat, o novo San Mames ou o novo Anoeta. O Celta non ten apenas débeda e as entidades públicas mostráronse dispostas a participar económicamente no estadio. A isto habería que sumarlle o diñeiro provinte dos comercios proxectados na planta baixa do estadio nas zonas de Tribuna e Marcador. Con 8 millóns de euros poderíase facer a primeira fase e construir a grada de Marcador completamente nova e pegada o campo. Tamén queremos destacar os 15 millons de euros que a Diputacion de Pontevedra aportou  para o estadio de Pasaron.
 
Temos que aclarar que todos os planos aqui presentados poñémolos a disposición pública, calquera que o desexe pode melloralos, modificar a información, compartila, comentala, etc...non buscamos lucrarnos con este traballo, queremos expoñer as nosas ideas e unha alternativa para crear unha cidade mellor. Polo tanto, o proxecto é un regalo a cidade de Vigo.




Plano de ubicación


DATOS DE PROXECTO


- Dimensións terreo de xogo : 105 x 69 m
        Espazos auxiliares : 120 x 85 m  (separación de 8 metros dende as bancadas ata o terreo de xogo nos laterais e 7,5 m en cada fondo, segundo as recomendacións platexadas pola FIFA)


- Capacidade : 35.000 espectadores

       Segun a FIFA a capacidade mínima dun estadio para poder disputar competicións internacionais oficiais é de 30.000 espectadores, polo que o actual Balaídos quedaríase o límite desta cifra. Estimamos que a capacidade ideal do estadio oscila entre 32.000 e 35.000 espectadores, debido o forte aumento da masa social nos últimos anos e o aumento do numero de socios que significaría ter un estadio máis moderno e funcional.



 Vista aerea e integración co entorno.


- Parking : 4.500 prazas

      O parking público sitúase na parte Este, Norte e Oeste do estadio. Conta con dúas plantas e accesos dende a Avenida Balaídos, Avenida do Fragoso, Rúa Eugenio Kraff, Rúa Manuel de Castro, Rúa de Alexandre Bóveda e Rúa Pablo Iglesias. A superficie construída para o parking é 31.000 m2 por planta , polo que o total de espazo para parking nas dúas plantas é de 62.000 m2, cunha capacidade estimada de 4500 prazas.


- Area comercial : 10.800 m2

    O proxecto inclúe un area comercial de 3 plantas na parte baixa de zona Este e Norte do estadio que axudarán a financiar a construcción do estadio. Pode albergar establecementos de ocio, restauración, deporte, saúde e servizos que servirán para activar comercialmente o Val do Fragoso.



 Imaxe da zona comercial



- Construcción : 5 anos

      O deseño cumpre con todas as características mínimas exixidas pola FIFA, e sería considerado categoria 4 estrelas según a UEFA (5 estrelas require unha capacidade mínima de 70.000 espectadores)

       A construcción faríase en 4 fases comezando por Marcador. Optamos por derribar as gradas existentes e construílas de novo polos seguintes motivos: os fondos están moi alonxados do campo, é necesario construílos de novo pegados o céspede e crear un estadio pechado. A actual grada de Tribuna presenta problemas estructurais e programáticos, a nova grada proxectada inclúe parking subterráneo, comercios e oficinas que aporatarían diñeiro o estadio, e estaría formado por unha nova estructura moito máis lixeira e duradeira. A grada de Río podería reciclarse unha parte da estructura de formigón, pero tamén precisaría unha importante modificación, xa que pretendemos liberar o río Lagares é ubicar os palcos, prensa e vestiarios nesta grada. 


- Orzamento: entre 36 - 39  millóns de euros 

       O presuposto inclúe 62.000 m2 de superficie útil de parking subterráneo (poderían ser ubicados en altura na Zona Franca e reducir o coste final de obra). Se inclúen tamén 10.800 m2 de superficie comercial que podrían financiar parte da construcción e xenerar diñeiro a corto e longo prazo.




Vista exterior da grada de Marcador e Fondo



IDEAS DE DESEÑO


1.- Parking


O parking é unha das necesidades básicas do actual Balaídos. O deseño busca perxudicar o menos posible a fábrica de Citroën, tanto na fase de constucción como no posterior uso. Os accesos o parking e as zonas comerciais poténcianse pola parte norte do estadio, igual que as zonas comerciais.





O proxecto tamén inclúe un ensanchamento da rúa Alexandre Bóveda no acceso desde a Avenida Florida para favorecer a entrada de vehículos o parking por esta zona. O deseño do parking supón 62.000 m2 de superficie útil divididos en dúas plantas. Sitúase na parte Este, Norte e Oeste do estadio. Terá accesos dende a Avenida Balaídos, Avenida do Fragoso, Rúa Eugenio Kraff, Rúa Manuel de Castro, Rúa de Alexandre Bóveda e Rúa Pablo Iglesias. Terá unha capacidade aproximada de 4500 prazas.



2.- Recuperación do Río Lagares


Unha das pezas clave do proxecto e que máis afectará os vigueses no seu conxunto é a recuperación do Río Lagares. Balaidos constitúe unha barreira arquitectónica para o paseo do río, que comeza en Samil e continua por Castrelos. Actualmente o Río Lagares pasa por debaixo da grada de Rio provocando molestias a peatóns e ciclistas que ven interrumpido o paseo neste tramo.

O proxecto volve a "liberar" o río e plantea continuar o paseo pola parte sur da grada, creando pasarelas transversais para acceder o estadio.



3.- Estadio sostenible


Unha das estratexias é recoller o auga da choiva a traves das ondulaciones da cuberta para almacenala e empregala para usos non potables do estadio, como o rego do campo, limpeza ou urinarios



A fachada Sur do estadio (grada de Río) ten un recubrimento de paneis solares que proporcionarán enerxía térmica e eléctrica o estadio. A curto prazo isto é caro, pero amortízase a inversión os poucos anos, e o estadio comezaría a gañar diñeiro. Cabe a posibilidade de deixar os rastreis de anclaxe dos paneis durante a construcción e ir colocando os paneis co tempo cando a economía o permita. Tamén plantexamos a posibilidade de que os socios poidan invertir diñeiro na colocación destes paneis, e por exemplo, conseguir descontos de abonado coas ganancias orixinadas pola enerxía solar.



4.- A forma e a bancada


Buscamos que os xogadores sintan a cercanía da afección e potenciar o efecto "caldeira". O estadio convírtese nun verdadeiro coliseo, onde todos os asentos teñen unha boa visión do terreo de xogo e non lles chove. Desta forma conseguimos que a xente lle compense máis ir o estadio, antes que ver o partido pola televisión e por conseguinte en Balaídos aumentaría a asistencia de espectadores.






As bancadas laterais (Río e Tribuna) contan con dous anfiteatros diferenciados, serán máís altas xa que son as que mellor visión teñen do terreo de xogo, creando unha forma de onda.

 Nos fondos, mantense os dous anfiteatros, pero suavizando a separación, baixando a altura do anfiteatro superior, creando a sensación dunha grada única dende o campo, que cause máis impacto os rivais e sexa máis práctico a hora de elaborar tifos ou mosaicos. Os accesos nos fondos prodúcese polos extremos da grada, desta forma perseguimos que non existan zonas demasiado baldeiras o longo da grada (xa que a xente normalmente ubícase preto dos accesos), ademáis de que favorecemos o agrupamento de peñas no centro da grada sen molestias polo paso doutros afeccionados.



Imaxe da grada de Río cos palcos, zona de prensa e acceso a vestiarios.



A bancadas poden ter butacas de cores creando diferentes debuxos (triskel celta no fondo ou palabras como RCCV ou 1923 nos laterais).

Os vestiarios ubicaranse baixo a grada de Río, igual que o acceso dos xogadores o terreo de xogo e os banquillos. O palco de autoridades situarase no anfiteatro inferior desta grada (actual Rio Baixo) xa que é a grada mais protexida do sol nas horas mais calurosas do día, trocando a sua posicion actual. A zona de prensa e zona VIP situaranse no anfiteatro superior desta mesma grada (actual Rio Alto).



5.- O Comercio


Existirá un área comercial baixo as gradas de Tribuna e Marcador que axudarán a financiar parte da construcción. Estes comercios constitúen unha superficie útil de 10.800 m2 divididas en tres plantas e terán acceso directo dende a rúa e dende o parking subterráneo. Estan plantexados para que afecten o menos posible a Avenida Portanet e a saída de camións da fábrica de Citroën. Os comercios poderían financiar unha parte destas dúas gradas polo que convírtense nunha peza importante do proxecto.

O complexo comercial pode contar con establecementos de ocio, restauración, deporte, salud e servizos que servirán para activar comercialmente esta parte da cidade.   



En vermello o espacios comerciais con acceso directo directo dende a rúa.




6.- Estructura e materiais


6.1.- Utilización de materiais que incentiven a industria viguesa

O obxetivo é unha construcción con materiais lixeiros e empregados pola industria da cidade (especialmente o porto e Citroën), para incentivar a economía local e aforrar costes de transporte. No proxecto utilizamos contenedores máritimos e materiais como acero, vidrio, aluminio ou textil.


6.2.- Fachada

Diseñóuse unha fachada que manteña unha armonía arquitectónica en todo o conxunto e que represente de certa forma o escudo do equipo.

A envolvente perimetral está composta por un sistema de arquitectura textil recuberto en PVC ou EFTE, unha solución simple, barata, lixeira, con apariencia orgánica, e que pode deixar pasar a luz e a ventilación onde interese. Esta deseñado para crear unhas mallas triangulares tensadas que simbolizan a forma do escudo do Celta. Podemos ver un exemplo do uso deste tipo de solución na fachada executada no novo San Mamés.




Alzado Norte


6.3. - Sistema estructural

 Excepto no parking, a estructura do estadio esta formada por pilares e vigas metálicas, con isto conseguimos que todo o conxunto estructural sexa máis lixeiro e fácil de construir en comparación coa actual estructura de formigón armado.

Unha estructura metálica pode vir en gran parte prefabricada polo que se aforra tempo en obra, ademáis de optar por unha solución que beneficie a industria metalúrxica galega, que conta cunha gran tradición e xente moi especializada. Poderíamos poñer moitos exemplos de estadios con estructura metálica, pero imos destacar o Estadio Olímpico de Roma ou o Prater Stadium en Viena.



Alzado Este



6.4.- Cuberta

Unha das partidas máis costosas no proxecto dun estadio é a cuberta. Tamén é a que maiores problemas xenera a longo prazo (véase a cuberta actual da grada de Río ou a caida de cascotes de Tribuna). A cuberta proposta no estadio mantén o espíritu do antigo estadio, con formas onduladas e arqueadas, pero é moito máis lixeira e translúcida para que non moleste o sol pero permita pasar luz o interior do estadio, ademais de conseguir maiores luces estructurais e protexer ata a última bancada da choiva.

A estructura da cuberta esta formada por vigas metálicas e sostidas nos extremos por cables tensores que levan as cargas ata a cimentación traballando a tracción. Un exemplo deste tipo de cuberta é o New Tivoli Stadium en Aachen (Alemania).  Esta solución é lixeira e barata, xa que se reducen as cargas a compresión, e os cables van tapados coa envoltura da fachada.

O cubrimento da cuberta ten formas arqueadas, permintindo recoller o auga da choiva para a posterior reutilización, e mantén a estética da antiga cuberta do estadio, con formas que recordan os arcos de pedra dos clásicos soportais galegos. Buscamos materiais lixeiros e translúcidos para recubrila, como son o policarbonato, textil ou PVC, basándonos nos principios da arquitectura tensada. Esta solución é sempre máis económica en material e peso que outras formas de estructura. Un clásico exemplo de estadio con este tipo de cuberta é o Estadio Olímpico de Munich de Frei Otto.

Con esta solución o espectador sentirá unha sensación de maior abertura en comparación coas cubertas opacas, reducindo as sombras no céspede que poden causar problemas de crecemento, ademáis de mellorar a visión polas cámaras de televisión.

A cuberta está lixeiramente separada da grada (pero pechada cun material translúcido para atrapar o sonido e potenciar o efecto acústico no conxunto do estadio). O obxetivo é crear lucernarios arqueados debaixo da cuberta para que se vexa o azul do ceo desde o campo que representa as cores do equipo.


 Bancadas de Tribuna, Preferencia, Marcador e Fondo.



6.5.- Interior

A construcción interior das gradas esta plantexada mediante a colocación de contenedores marítimos. As dimensións da estructura están deseñadas para executar estes elementos e que conformen as diferentes particións interiores. Con esta solución se aforraría moito diñeiro na execución material.

Vigo é unha cidade perfecta para empregar este tipo de contenedores nun gran proxecto arquitectónico. Son baratos, lixeiros, fáciles de transportar, executar, tenen estructura portante e ademais constituiría un gran incentivo para industria local de Vigo. Existen moitos exemplos de obras arquitectonicas por todo o mundo empregando estos contenedores.



7.- Orzamento e construcción


Fases de construcción


        1º fase : Demolición e construccción da nova grada de Marcador, area comercial e parking.
                       Orzamento estimado: 8 millóns de euros. Tempo estimado: 1,2 anos. 
      






        2º fase : Rehabilitación da grada de Río, con vestuarios, palcos, zonas VIP e   recuperación do Lagares.
                       Orzamento estimado: 11 millóns de euros. Tempo estimado: 1,5 anos.
       
        3º fase : Demolición e construcción da nova grada de Gol e parking.
                       Orzamento estimado: 7,5 millóns de euros. Tempo estimado: 1 ano.  
   
        4º fase : Demolición e construcción da nova grada de Tribuna e Preferencia, locais comerciais e parking.
                      Orzamento estimado: 12 millóns de euros. Tempo estimado: 1,5 anos.


Total: Aproximadamente 38,5 millóns de euros en 5,2 anos (incluido no orzamento os 62.000 m2 de superficie útil de parking e sen contar os ingresos das superficies comerciais).



8.- Axudas:

Dende aqui pedimos que todo o celtismo e vigueses aporten as súas ideas, opinións e consellos para facer o mellor estadio posible e máis económico. Queremos facer un proxecto colectivo onde todo o mundo que queira poida aportar o seu graniño de area.

Ademais de poder comentar neste blog, todos os planos e imaxes están a vosa disposición, sodes libres de modificar o que queirades. Se precisades os archivos en PDF, en AUTOCAD, o modelo 3D para traballar sobre eles e mellorar cousas, escríbenos a novobalaidos@gmail.com.

Nos próximos días seguiremos subindo novos planos e nova información o blog.



Nota:

Respecto o proxecto de Pedro de la Puente publicado fai uns días no Faro de Vigo, non queremos criticar os nosos compañeiros de profesión nin o seu traballo. Nos expoñemos unha alternativa. Estaremos encantados de colaborar coas diferentes partes para atopar a mellor solución entre todos e aceptaremos calquera decisión que se tome sobre o futuro estadio sempre que esté ben estudiada, analizada e sexa o mellor para o Celta e para Vigo.

Queremos destacar que non entendemos que un proxecto sobre un estadio municipal, no que vaise a invertir unha importante cantidade de diñeiro público, non se faga un concurso aberto para recoller as mellores ideas, pensamos que sería moito máis productivo para a cidade. 
 
Por último dicir que ningún dos que traballamos neste proxecto o fixemos por interese económico, invertimos moitas horas para plantexar as nosas ideas. Pedimos que o celtismo e as entidades competentes valoren tódalas opcións posibles antes de tomar unha decisión para unha construcción de tal significancia para o Celta e a cidade de Vigo.



9.- Video resume







Autores do proxecto:

Deseño e infografías: Alejandro Vazquez Losada. Arquitecto e Aparellador. Vigo

Colaboracións:

Alberto González-Garcés Mediero. Arquitecto. Vigo
Eduardo Pérez Obach. Arquitecto. Vigo
Laura Suárez García. Arquitecta. Santiago de Compostela
Jose Enrique Comesaña Romero. Inxenieiro da construcción. Vigo



Email de suxerencias, ideas, comentarios: novobalaidos@gmail.com

Email de contacto: avlosada@gmail.com



AVL 2014

5 comentarios:

  1. A verdade é que este proxecto é incrible .Só teño dúas dúbidas :
    -Poderíase realizar coa fachada xa deseñada por Pedro de la Fuente , sen ter que variar moitas ideas fantásticas como a sostenibilidade .
    -Realmente o presuposto quedárase nos 38 millóns ou rematará alcanzando cifras astronómicas .
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Moi boas! a fachada desta proposta é textil, poderíase deseñar con outras formas pero o principal motivo de usar este material é a súa lixereza, a continuidade coa cuberta, posibilidade de colocar publicidade integrada e o máis importante, porque aforramos moitos cartos na construcción. Evidentemente poderíase trocar o material e empregar algo máis robusto e opaco como o deseño de Pedro de la Fuente, pero tamén sería máis caro económicamente.
    É dificil calcular con precisión o presuposto final dun estadio, pero nos fixemos o orzamento o alza. Realmente pensamos que incluso podería sair máis barato que o aqui exposto. Tamén contemplamos a posibilidade de eliminar o parking subterráneo e integrar o aparcamento na Zona Franca (se Citroën quere colaborar), co que o orzamento final disminuiría considerablemente. Un saúdo

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moita sorte co proxecto .Ogallá saia elixido , pero dame a min que con esta xente no goberno contrataran a calqueira arquitecto que sexa amigote para facer o arreglo .
      Un saúdo e moita sorte de novo

      Eliminar
    2. os meus mellores dexesos para o proxecto espero que vos toque por mans a obra !
      un saudo e sorte!!

      Eliminar
  3. Un traballo impresionante. É unha pena que teñades que marchar ao estranxeiro. Ao final, como dician máis arriba, o deseño se o darán ao arquitecto amigo. E vos o regalais. Unha magoa

    ResponderEliminar